E marchamos coñecer un pouquiño máis de Nicaragua, esta vez ata o Sur do lago Cocibolca, ata Solentiname, e incluso baixamos un pouquiño máis, á reserva natural de Los Guatuzos, na fronteira con Costa Rica.
Para coñecer Nicaragua necesítase tempo pois o transporte é lento e neste caso non hai tódolos días pero vaias onde vaias sempre merece a pena.
Despois de facer unha paradiña na fermosa Granada agarramos o Ferri para San Carlos, nada menos que 16 horas de viaxe!
Vistas dende o campanario da catedral de Granada
Rúa La Calzada,especialmente turística
Cargamento de plátanos no ferri en Ometepe
E de San Carlos ao arquipélago de Solentiname “lugar de hospedaxe”, formado por 36 illas das que coñecimos dúas, Mancarrón e San Fernando. Nos anos 60 o poeta Ernesto Cardenal promoveu unha forma de organización de tipo comunitaria e contido cristiano revolucionario, baseando a súa doutrina na igualdade social. Aquí foi composta a Misa Campesina Nicaragüense de Carlos Mejía Godoy.
Igrexa Nuestra Señora de Solentiname (illa de Mancarrón) con tradicionais debuxos ao estilo primitivista. Solentiname é o berce do “arte primitivista”, pinturas ao óleo e tallas en madeira de balsa, actividade que se iniciou nos anos 70 trala chegada de Ernesto Cardenal e que supón, xunto co turismo, unha das maiores fontes de ingreso e ocupación dos habitantes do arquipélago.
Obtención da madeira de balsa e tallado da mesma
Lixado
Pintado
É un bo lugar para disfrutar da natureza, unha chea de aves, das que puidemos ver oropéndolas, garzas, garza tigre, ibis branco, martin pescador, águia pescadora, colibrí... mamíferos como mono congo e mono cara branca, reptiles como a tartaruga ñoca, anfibios e peixes (próxima entrada adicada a flora e fauna!)
Tartaruga ñoca
Con tanta fauna (cocodrilos e tiburóns incluidos, dos que nos falaron pero non chegamos a ver) démonos un baño fugaz nas augas do lago, que de relaxante tivo pouco pensando na vida nas profundidades.
Un conselliño, se viaxades ata Solentiname ide polo menos nun grupo de 6 persoas porque as pangas son moi caras para moverse e coñecer outras illas.
Posta de sol dende a illa de San Fernando
Na viaxe de volta a San Carlos aproveitamos para visitar o Refuxio de vida silvestre Los Guatuzos cun Centro Ecolóxico á beira do río Papaturro, que conta cun viveiro de caimáns e cocodrilo americano e outro de tartaruga ñoca, ademais dun orquidiario con 100 especies distintas. Aquí de novo puidemos observar diferentes animais como un paxaro carpinteiro, un par de garrobos, iguanas, ...
Caimán, que non crocodilo!
E despois de tanta natureza rematamos en Masaya, no seu mercado... de onde saímos cargadas de máis,impresionadas de tanta comida, artesanía e bullicio do xentío. O domingo, despois de visitar os volcáns Nindirí e Masaya e a cova de Tzinancanosto (túneis de lava formados por antigas erupcións), un taxista quixo que coñeceramos Tipitapa, augas termais con sauna natural e masaxista, unha fin de viaxe de conto!
Mercado de Masaya
Cráter do volcán Nindirí
O máis enriquecedor de todo é coñecer xente e escoitar o que teñen ou queren contar, as duras historias sobre a guerra, o traballo infantil, as dificultades de moitos e moitas para poder seguir ahí... tódalas persoas que fomos atopando polo camiño fixéronnos pasar os mellores momentos: a bibliotecaria de San Carlos, Elena Pineda en Solentiname, Andreas de “vaguito” coma nós, Dyango cos seus boleros e rancheras no parque de Masaya, Jorge Luis coas súas conversas, Ricardo no taxi... e incontables persoas nos transportes varios.
Recordarémosvos e estaredes con nós...
1 comentario:
Moi bonita e poética entrada ¡
Nótase que Nicaragua chegoute ao corazón... non sei se teremos que ir a buscarte ;-P
Publicar un comentario