Mostrando entradas con la etiqueta giras de intercambio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta giras de intercambio. Mostrar todas las entradas

1 sept 2010

Giras de Intercambio a El Quebracho

Os PCRs non puideron asistir á primeira destas xiras polas áridas terras de Estelí ao estar de vacacións, mais si á segunda. Aínda así temos documentación fotográfica daquela gracias á presenza dun convidado especial: Juancito o da pulpería.


Saímos de Jinotega coa primeira luz do día e fomos agarrando beneficiari@s en Sasle e no empalme de Los Horcones. Coma sempre, os técnicos don Carlos e don Silvio, van pasando lista á xente dos seus respectivos grupos de seguemento:

Durante o longo camiño por estrada, don Carlos, don Silvio, Xavi e Roberto, foron platicando animadamente con algunhas persoas do noso Proxecto, e o coordinador don Reynaldo agardábanos en Estelí.

Finalmente chegamos á comunidade de El Quebracho, onde fomos recibidos por Edwin e Celestino. Edwin é o técnico de FIDER Estelí, a outra delegación rexional da nosa contra-parte, onde traballou don Rey hai anos, polo que o trato era moi amigable. Celestino é o productor que se dispuña a ensinarnos, con moita soltura, as súas propiedades e os resultados do seu traballo e da colaboración con FIDER:


Dende a casa de don Celestino ata o seu agro, a camiñata fíxosenos dilatada, até que divisamos as vistas de Estelí...

...e por fin chegamos á confortable sombra duns cedros. Alí comezamos a apreciar nas explicacións de don Celestino o esforzo de transformar uns outeiros pedregosos de clima seco, nunha fértil sucesión de pasto, grans básicos e hortalizas:


Mais ese esforzo debeu ser acompañado dunha planificación sostible apoiada en:


- Barreiras mortas (coma os diques feitos coa abundante pedra da que renegaba algún dos nosos productores) para evitar a fuxida da terra e da humidade ladeira abaixo.


- Barreiras vivas de zacate ou taiwan.


- Reforestación, coma nas cercas vivas que compoñen estes fermosos prendones de madero negro.


A concorrencia beneficiaria jinotegana non despegaba a orella das verbas de don Celestino, e a participación era constante; e é que o 'viejito' se gañara a nosa confianza co seu talante, simpatía e coñecemento.

Pode que a constatación da boa produción que alí se obtía con baixos insumos nun medio hostil, convencera un pouquiño máis ás familias beneficiarias da microcunca do Sasle, das bondades da reforestación, emprego de fertilizantes orgánicos, non queima, e outras boas prácticas. Sobre todo aos máis novos.

Alí nos despedimos cun fermoso conto do Responsable Técnico para Nicaragua do Grupo Agro de ESF, Xavi, ao que dende aquí aproveitamos para felicitar polo inminente comezo da súa andaina profesional remunerada no mundo da cooperación, en Jinotega, a súa terra adoptiva. O relato real, moi ben acollido, falaba da idolatría que mantén un desértico pobo peruano polos grandes penedos que, como as pedras de El Quebracho, frean o decorrer das augas conformando unha sorte de oasis ao seu redor.

Giras de Intercambio a La Naranja e Mancotal

Xa tiñamos unhas ganiñas pecerreantes de participar das xiras de intercambio que realizan FIDER, ESF-Galicia e as 80 familias beneficiarias do Proxecto que formulamos arredor do río Sasle. E despois de estreitar lazos con outros proxectos de cooperación, preparar a loxística, repartir as invitacións de rigor e contratar o transporte... alá fomos!



A primeira destas dúas xiras cafetaleiras, de corenta convidadas cada unha, caracterizouse polas dificultades que presentaba o traxecto. Malia a potencia do típico bus nica e o uso de cadeas, iamos un pasiño cara atrás e dous cara adiante por mor de lama, pedras e regatos.



Mais finalmente chegamos a La Naranja, onde comezamos atender as explicacións dos productores, pai e fillo; e as de Augusto e Franklin, técnicos dos proxectos que financia a USDA en sete municipios norteños.



De seguido advertimos que a elevada nubosidade que envolve esta zona montañosa durante todo o ano permitía manter un baixo índice de sombra de guineo. Tamén tomamos nota de como aproveitaban para sementar millo (e posteriormente frijol e canavalia) en regos paralelos aos do pequeno café recén plantado.

Beneficio húmido do café


Era este un exemplo de cultivo de café intensivo, altamente tecnolóxico e con grande emprego de insumos. A nosa parroquia atendía con interese, co pensamento posto na inminente plantación dos viveiros que levan meses agarimando.



Tanto técnicos como productores amósanse orgullosos da producción dun café, o nicaragüense, que presume de ser o segundo mellor do mundo (despois do colombiano); e non escatiman en consellos: o encalado anual, o control de pragas, a pepena, a poda, a deshijada, a cobertura vexetal...



Tamén advirten de que o uso aleatorio de fertilizantes pode ser unha perda de tempo e de reales se non se coñecen as características da súa terra, polo que recomendaron investir en análises do solo. E o uso non focalizado de herbicidas coma o Glifosato pode intoxicar a nosa planta.



Despois do agardado refrixerio pechamos a primeira escala nun almácigo que contén 10.000 plantiñas de café que nunca se sentiran tan observadas:



A segunda parada deixábanos en Mancotal, máis preto do lago de Apanás, nunha cooperativa que cultiva café orgánico. Lonxe quedara o cheiro a químico. Os nosos productores e productoras amosábanse intrigados ante este tipo de cultivo non convencional, co que non están familiarizados. Así comezaba a se fraguar no colectivo unha análise comparativa de ambos sistemas, nun debate que duraría o resto da xornada. O plantexamento de contraste entre o químico convencional e o orgánico surtira efecto:



Os netos da propietaria dese terreo tiñan unha coidada sombra forestal de diferentes alturas para o café, e o chan estaba inzado de abono orgánico. Recoñecían que a produción era menor que a convencional, mais estaban moi satisfeitos debido a que por outra banda gastaban ben pouco en insumos. Só empregaban cal, cinza, humus... e nadiña de químicos. Nen sequera praguicidas, pois o temido insecto da 'broca' é combatido cunhas trampas de alcol que espertaron a curiosidade dos ribeiráns do Sasle:



Tamén espertou interese o módulo de lombricultura para fabricar lombri-humus, pois é unha das incorporacións que imos obter na Fase III do noso Proxecto:



Así e todo, saímos gratamente sorprendidos polas bondades do sistema ecolóxico que alí se traballa, cunhas plantas que producen durante o triplo de anos (entre 15 e 20) que as convencionais; e mesmo a xente comezou coidar de non manchar nada, non vaia ser que unha inspección retire o selo que lles permite aos nosos anfitrións comercializar exitosamente ese café orgánico de Comercio Xusto.



Finalmente, e despois de detallarnos os custos e ingresos que lles deixa o café orgánico, os membros desta Cooperativa Agrícola de Mancotal amosáronnos a súa casa comunal, onde afondaron nas bondades de traballar xuntos e exportar a bo prezo, coma o caso da obra social que realizan na súa comunidade:



Agora a pelota está no tellado dos habitantes da microcunca do río Sasle: serán quen de conformar algunha cooperativa agrícola (orgánica ou non) os novos cafetaleiros de Sasle e de Los Horcones?

*

Noutra orde de cousas, ao final da xornada fíxose entrega das guías de xénero elaboradas a partir das capacitacións de xénero nas comunidades. E á tardiña foron chegando ás casas, e as follas pasaban, e os debuxos ían collendo cor, mentres se apagaba o día entre soños con recendo a café.