10 dic 2008

Enquisas Cociñas Melloradas e Biodixestores

En relación ao proxecto: "Apoio a productores para a realización de boas prácticas agrosilvopastorais e redución de áreas degradadas en catro comunidades da parte alta da subconca do rio Viejo (Jinotega, Nicaragua)". Proxecto xa finalizado e do que falou Agustín ampliamente (parte de biodixestores) noutras entradas no blog.

Biodixestor

Cociña de gas

Fai uns días realizamos unhas enquisas sobre biodixestores e cociñas melloradas nas comunidades de La Colmena, San Ramón, Boniche e La Breiera coa fin de facer un seguimento e ver o estado e uso destas.
Visitamos a 22 beneficiarios (dun total de 60), todos con cociña mellorada e 12 deles tamén con biodixestor.

Todos os beneficiarios están dacordo en que as novas cociñas son mellores que as tradicionais, coinciden no aforro de leña (que se reduciu á metade co cal o tempo adicado á recollida tamén é menor), na mellora da súa saúde debido á disminución de fume dentro da casa e en que se cociña máis rápido porque garda máis a calor.


Cociña mellorada

As cociñas tradicionais tiráronse para construir as novas, pero nun par de casas seguen tendo as dúas, nunha emprégana para cociñar nacatamal (comida típica nica que se fai con fariña de millo e leva carne de porco, arroz, papa... todo envolto en folla de plátano, boísimo!) e noutra para todo, pois é da que fan uso. No segundo caso deixouse a vella cociña porque teñen mozos traballando e teñen que cociñar para moita xente.
A instalación do biodixestor implica tamén a construción dunha cociña de gas para o aproveitamento do biogás producido na fermentación anaerobia.
Tódalas casas visitadas tiñan gas nas súas cociñas e cunha boa chama, a excepción dunha, que ten o biodixestor parado.
A principal alimentación do biodixestor consiste en esterco de res. Para iniciar o seu funcionamento a maioría mezclárono con melaza, máis algún segue a facelo porque di que senón o rendemento é baixo.
A media de horas de gas que proporciona é de 3,5 ao día, cunha alimentación de 1 bidón por día (20 l) e unha obtención de abono de 1 balde cada 8 días. Este bioabono emprégano para o cultivo de café, frijoles, millo, papa... os principais cultivos na zona.
A cociña de gas emprégana principalmente para quentar leite, fritir, cocer ovos... para peroles pequenos, mentres que na de leña cocen os frijoles, nesquizan o millo, ...


Saída de bioabono do biodixestor


Un ano despois de que rematara o proxecto puidemos comprobar como a xente, en xeral, está contenta e sí fai un correcto uso das cociñas, para poder así, pouco a pouco, acadar melloras no seu dia a dia.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Moitas gracias polo informe Raquel e polas enquisas.

Como xa comentaramos no grupo quizais fora mellor facer os dous tipos de cociñas, xa que a do biodixestor non chega.

No proxecto plantexouse facer nunhos casos cociña mellorada e en outros a cociña do biodixestor. Pero vendo que nas casas onde funciona a cociña de biodixestor teñen que seguir usando a de leña, aínda que menos, posiblemente deberíamos ter posto unha mellorada a maiores da do biodixestor e eliminar a tradicional.