15 nov 2008

Na comunidade de Sasle

Esta semana estivemos na comunidade de Sasle pasando uns días, foi coma estar na casa, e se podemos habemos voltar. Evidentemente as comodidades non son as mesmas, aínda que a nós nos deixaran a mellor cama e non nos faltara de nada.
Acolleunos a familia de Don Pedro e Dona Marina, beneficiarios do proxecto. Unha familia ben numerosa coma a maioría na zona rural, 14 fillos e trinta e pico netos, aínda que agora na casa non son tantos.

Estivemos facendo as enquisas sobre as cociñas melloradas e árbores frutais que nos faltaban (faremos unha entrada especial para isto), escoitando as historias tanto dos rapaces coma da xente maior, e sobre todo aprendendo dos seus costumes e intentando practicar un pouquiño: facer “tortilla” (que é unha torta de millo), madrugar para ordeñar (aínda que isto vindo de Galicia non é nada novo), ir buscar a auga bastante lonxe (gracias a un proxecto algunhas casas da comunidade dispoñen de auga potable pero debido ás últimas chuvias estragáronse as tuberías e teñen que ir buscala, como hai uns anos, a un pozo lonxano ou collela alí onde se deposita), erguerse coa luz do día e deitarse con velas...

A comida habitual son o arroz e os “frijoles”, un pouco de “cuajada” (que é algo parecido ó noso queixo fresco pero máis salgado) e “tortilla”. Con sorte algún día hai plátano maduro e galiña asada, “rostisada”(rebozada) ou en sopa con verduras varias (riquísima) e, a todas horas, café. Agora é época de laranxas e tamén as “chupan” decote. O prato básico é tanto para o almorzo como para a comida ou a cea.

O mellor foi estar cos rapaces, e intentar xogar un pouquiño con eles, aínda que para a maioría as súas labores non lle permitan facelo todo o que quixeran, algúns deles érguense ben cedo e traballan arreo.


Isto acontece dunha parte polas necesidades familiares e doutra porque na escola de Sasle só hai clase de primaria e para secundaria teñen que desprazarse ata Jinotega. Pedro Pablo, por exemplo, ía tódolos sábados a clase na vila, pero houbo unha folga de transportes pola que perdeu un mes de aulas e tivo que deixar o curso pola metade. Agora é un experto en ordeñar vacas e no traballo do campo (para o cal camiña tódolos días ata a comunidade de Sisle). Un homiño con a penas 13 anos, un homiño en miniatura:


Aproveitamos tamén para visitar, con Verónica como guía, o cerro de Yucapuca, lugar emblemático por ter albergado a Sandino e ás súas tropas e dende o que se divisa o lago Apanás e incluso se intúe Jinotega.

Moi próxima ao cumio está a casa de José Luis, outro dos beneficiarios do proxecto. Este home mercou hai pouco a súa propiedade, coa idea de destinala a fins turísticos (unha gran idea tendo en conta o enclave no que se encontra). É unha persoa con moita iniciativa (tal como din os seus veciños), o que podedes comprobar nas seguintes fotos:



Nunha viaxe a Guatemala observou un sistema para obter electricidade a partir de muíños de vento. Cunha pequena inversión (ao redor de 5000 C$, uns 100 €) adaptou o sistema á súa casa e agora dispón, onde ninguén máis ten, de enerxía eléctrica. A contradicción de ser unha das comunidades máis próximas ao lago Apanás, cunha hidroeléctrica que abastece de enerxía ao 33% do país, e vivir entre penumbras, vese contrarrestada polo enxeño e as ganas de prosperar dalgunhas persoas coma el.


A nosa aventura rematou dándonos un baño no río Sasle (baño de limpeza, sustito da ducha) nunha auga de condicións dubidosas e unha paraxe espectacular.

Hoxe saímos de viaxe, rumbo ás illas de Solentiname.
Contaremos máis á volta, xa na compaña de Xavi.
Por certo, benvido a Nicaragua, benvido a Jinotega!

Raquel e Sabela

3 comentarios:

Cristina dijo...

Graciñas por compartir todo isto con nos!

biquiños
cris

Carmen dijo...

Qué recuerdos!!
Se me viene a la mente la semana en Pajales,... Cuantas similitudes,...
Bicos y seguir compartiendo con nosotros vuestras vivencias!

xas dijo...

ola nenas, de cutre o blog de honduras nada, minimalista, pero xa lle puxen fotos para que vexades como se sacan as boas, jajajaja, alégrome moito de que vos fose xenial nas comunidades, e só dicir a modo de mosca "cojonera" que en Galicia non se ordeña, múxese, jajajjaja