Mostrando entradas con la etiqueta género. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta género. Mostrar todas las entradas

13 ago 2010

Estancia nas comunidades: Maruxa

O 24 de xullo, en vez de espertar co ruído dos freos do carro de don Mauricio, amencín ao ritmo das mans de doña Chepa palmeando tortillas de millo. Son as 5.30 da mañá e doña Maruca xa está muxindo as vacas. Así comeza a miña estancia na familia de Don Bernardo...

Doña Chepa.

Doña Maruca.

Ingrid ten sete anos e esta semana non foi á escola por culpa da gripe. Aproveitamos para regar os laranxeiros que nos deu a fase II do proxecto, pues, xunto co noso amiguiño e veciño Cristopher


... e aproveitamos tamén para coñecer a finca e facer un pouco de seguimento dalgúns dos cultivos...

como a malanga...

ou o "viveritito" de café.

E a media mañá, despois dunha tortilla con cuajada, desa tan rica que sae das vacas de don Bernardo, descansamos un anaco cun xogo que semella non pasar nunca de moda...

Don Bernardo ensinando a bailar o trompo.

O sábado chegou a mamá de Ingrid, que vive na cidade co marido e a súa outra filla. A Ingrid gústalle Jinotega, pero prefire vivir en Sasle, e Martina tamén, pero por traballo ten que estar na cidade. Ten o seu posto de verduriñas alá no mercado e tódalas fins de semana sube a Sasle a ver a Ingrid, á súa mamá, Doña Maruca, ao seu pai, Don Bernardo, e á súa tía, doña Chepa. E vese e platica coas súas amigas de Sasle, porque en Sasle foi onde se criou e di que prefire mil veces máis vivir alá no campo que na cidade. Unha das súas mellores amigas é Verónica, a mamá de Cristopher, que vive aí nomás, na casa do lado, onde doña Leonora. Verónica e Martina preguntan e preguntan sobre a vida alá de onde eu veño "¿y en su país cuándo es que se casan? ¿y cuándo tienen hijos?" e cando lles explico e ven as diferencias, míranme con cara medio incrédula, un tanto melancólica e medio estraña, como pensando por que razón será que para min é normal non ter fillos nin estar casada aos 22.


Durante o día, de 5.00 a 18.00, doña Chepa e doña Maruca moven o mundo dende a cociña, alimentando á familia ou a todo o que pola casa pase a descansar do traballo nas terras. E como a calquera que por alá pasa se lle senta nunha cadeira e se lle dá a súa tortilla con cuajada, de mañá, ben cediño, tódalas mulleres de Sasle póñense de acordo para facer algo á vez: palmear tortillas de millo.

Sopa de res e tortilla na cociña mellorada.

E así, entre o fume e o cheiro a leña das cociñas melloradas, palmeos de tortillas, frijoles e arroz, van pasando os días na casa de Don Bernardo. A Bernardo, a iso das seis da noite e pouco antes do xantar, gústalle botarse na cama coa radio ao lado a escoitar rancheras. E ás sete, “como ya es noche y acá de noche no hay nadita que hacer”, di Maruca, péchanse ben as portas e, ao son dunha rancherita, péchanse tamén os ollos desta familia ata que chegue o día seguinte, que será igual que o anterior... e igual de lindo será o sorriso co que amencerán, como cada mañá, doña Chepa, doña Maruca, don Bernardo e a pequena Ingrid.

A familia de Don Bernardo.

O xoves recollín as miñas cousas e fun pasar un par de días á de Don César. Alá a xente acostuma parar a beber café, canta máis xente pasa, máis tortillas de millo hai que facer, así que ás 5 da mañá doña Ilda e as súas fillas palmean á vez: pum-pum, pum-pum, e ao son do palmeo nace en Sasle un novo día. E despois de palmear, doña Ilda prepara o almorzo, e despois do almorzo a comida, e despois da comida a cea. E igual que Maruca e Chepa, doña Ilda é outra de tantas mulleres que, sempre cun sorriso, move o mundo dende a cociña. De cando en vez, asomaba a cabeza para ver a telenovela, pero de súpeto dicía “ay!, el arroz!” e aí se regresaba.

Doña Ilda a punto de comezar a cocer o millo.

E na casa de don César tamén había unhas chigüinas que dicían "vamos a jugar, Maruchita!", e xogábamos; e mamá Elvira dicía "Maruxa, siéntese, platiquemos!", e platicábamos; e mamá Heilen dicía "Maruxa, venga a la venta a ver el molino de pinol" e íamos moer o pinol. E doña Ilda dicía "¿no quiere una tortilla con cuajada?"... E como ao fina doña Ilda comprendeu que o que eu quería non era comer tortilla nen cuajada, senón aprender a facer as dúas cousas, entre tortillas, chigüinas, platicas e pinol pasaron os días na de Don César.


Sudeica e Ildita descansando de xogar coa bola.

E de novo, mochilita ao lombo e caminito del Mojón para visitar a Roberto e pasar uns días coa súa familia, a de doña Bersabé, outra muller máis movendo o mundo dende a cociña, cunha forza e alegría desa que se lle pega a calquera que pasa polo seu carón. Roberto xoga na entrada da casa con Fran, Bersita e as fillas de Ivania e Lionel. Ivania e Bersabé moen millo na cociña e preparan masa para facer pan.

E de repente, a cociña, centro do universo, énchese de xente que baila, canta e hornar pan, hornamos pan para o mundo enteiriño, pan de millo, pan de fariña, pan con canela, pan con vainilla, semitas, panelas, polvoróns e buñuelos, pan feito con cariño e amor para repartir a ventas de aquí e acolá.

Bailando e amasando, facendo festa na cociña, faise noite no Mojón... e faise o pan no forno de leña de Bersabé:

E como o Domingo marchamos, o sábado seguimos bailando con ron, con rancheras e con tortilla de papas para despedirnos de Bersabé, de Sasle e do Mojón (pero só ata dentro duns días...).


Ao dia seguinte Bersita despértanos con máis música bailando enriba dunha cadeira. “Me van a hacer falta” di doña Bersabé. E Fran mira a Roberto e sen pronunciar palabra, Fran di toda a falta que lle vai facer Roberto. E Bersita míranos a un e ao outro e pregunta “Y cuándo es que van a volver?”. E cun sorriso de Bersita, unha mirada de Fran, e unha aperta de Bersabé (desas que van cargadiñas de agarimos) dicimos adeus, co nariz ben pegadiño á fiestra do bus, á mellor experiencia que os PCRs vivimos ata agora, chegando a Jinotega medio tristes, medio alegres, medio cun non-sei-qué e un cento de sentimentos e emocións.

Bersita e Fran.

E ao longo destes días, vivindo a vida de doña María, de doña Chepa, de doña Ilda, de doña Bersabé, e compartindo anacos de vida doutras mulleres que se foron cruzando polo camiño, ademais de outras moitas preguntas, é unha a que inda agora segue a dar voltas na miña cabeza: e que pasaría se un día as mulleres de Sasle decidisen parar...?








14 jul 2010

Capacitacións de Xénero para FIDER e para as Comunidades

Non, non é o servizo militar nica, é a segunda parte do obradoiro de xénero para o persoal de FIDER no que, seguindo o ritmo do anterior, non faltaron dinámicas, debates e o bo humor.

Nesta segunda parte estivo enfocado na familia e nos roles de xénero que nela se desenvolven, así como nas relacións que se dan no traballo en grupo e no traballo en equipo e nas relacións humanas en xeral. Como valoración final destas dúas capacitacións de xénero ao persoal de FIDER, coincidimos en que foi moi positiva e un punto fundamental á hora de tentar incorporar o enfoque de xénero no seu quefacer diario, no ámbito laboral e no privado.

O xoves desa mesma semana, 7 de xullo, iniciábase en Los Horcones a primeira capacitación de xénero para as familias beneficiarias do proxecto.

Había un grande interese entre o persoal de FIDER e as capacitadoras externas, Carolina e Sandra, en que a asistencia fose ampla e sen recelos sobre a temática. Así que don Carlos e Roberto entregaron as invitacións casa por casa, animando ás parellas da nosa Microcunca.

Debido ás dificultades para poder viaxar ata a zona (non había motos para tantos "paquetes"), os PCRs fumos á capacitación do Comité da Microcunca de Sasle sobre a Lei Xeral de Medio Ambiente e Recursos Ambientais que impartiron don Silvio e don Reynaldo, e proveitamos así para coñecer ás persoas que forman dito Comité. De todas formas, tivemos algunhas dificultades durante a viaxe...

Non sabemos que lle pasou exactamente ao bus, pero afortunadamente logramos chegar a Sasle con tempo máis que suficiente, ata deu para unha sestiña pasada por auga...

O venres día 8, asistimos ao segundo obradoiro de sensibilización ás familias de Sasle e Los Horcones sobre a existencia da fenda de xénero e a necesidade da súa redución progresiva.

Sen deixar decaer o ambiente repasáronse as temáticas de : familia; autoestima; sexo, xénero e roles; e a comunicación. O debate comezou coa parábola "El Vuelo del Halcón":

As dinámicas de grupo leváronnos fóra da escola de Sasle por momentos:

A cousa animouse con algúns sociogramas, acendiuse coa descripción por xéneros e desmelenouse coa dinámica pictórica: as mulleres debuxarían un corpo masculino e viceversa:

A falta de dúas capacitacións de xénero, tamén en Sasle, levámonos un bo recordo destas 20 familias beneficiarias:

E todo baixo a atenta ollada dos técnicos de campo de FIDER:

5 jul 2010

Taller de Capacitación en Xénero ao persoal de FIDER

O mércores 1, ademais de comezar o mes de xullo tamén comezou a capacitación en xénero ao persoal de FIDER cunha primeira sesión levada a cabo pola facilitadora Doña Carolina del Rosario Sánchez Zelaya, seleccionada o pasado mes para a realización da Consultaría para Formación en Equidade de Xénero que se enmarca na acción de FIDER de sensibilizar ás familias beneficiarias e ao persoal técnico sobre a existencia da brecha de xénero e necesidade da súa progresiva reducción.



O taller estivo dividido en catro módulos, sen embargo, todas e todos os participantes puxémoslle tanto entusiasmo conversando, debatindo, descubrindo e descubríndonos (e nalgún descansiño ata bailando!) que se tiveron que deixar os dous últimos temas para a seguinte sesión por falta de tempo, centrádonos só nas partes de Autoestima e de Sexo, Xénero e Roles. Adentrándonos no tema da autoestima falamos do que significa o concepto, definíronse as características da autoestima alta e da autoestima baixa e analizamos dende unha perspectica de xénero como os medios de comunicación inflúen na autoestima tanto do home como da muller.

Uunha das dinámicas consistitu en rachar un folio na maior cantidade de anacos, e Xavi mais Maruxa, coa súa super pedazo de autoestima quixeron presumir cos seus anaquiños de papel sen saber que a segunda parte era reconstruílos!
Pero tamén fumos capaces de superar o reto de reconstruíla, sendo o exercicio unha análise que evidenciou a necesidade de potenciar as actitudes positivas para a mellora da autoestima (ainda que a nós nin falta nos fixeron!)


Despois do descanso para o almorzo, as mulleres puxeron aos homes de FIDER a traballar...

E xa na segunda parte adentrámonos en conceptos como sexo, xénero e as súas diferenzas, e analizamos os roles dende esta perspectiva a través de diferentes dinámicas coas que saíron algúns temas tabú e outros mitos relacionados coa sexualidade do home e da muller que foron destapados e explicados.


Doña Scarleth explicando as visións que se ten dende FIDER e nas comunidades sobre a equidade de xénero nunha das dinámicas.

Don Reynado, don Silvio e Roberto moi aplicadiños na capacitación...


A facilitadora Doña Carolina del Rosario Sánchez Zelaya.

Este mércores, 7 de xullo, continuaremos coa capacitación en FIDER e o xoves e venres realizarase nas comunidades de Los Horcones e de Sasle.