1 sept 2010

Giras de Intercambio a La Naranja e Mancotal

Xa tiñamos unhas ganiñas pecerreantes de participar das xiras de intercambio que realizan FIDER, ESF-Galicia e as 80 familias beneficiarias do Proxecto que formulamos arredor do río Sasle. E despois de estreitar lazos con outros proxectos de cooperación, preparar a loxística, repartir as invitacións de rigor e contratar o transporte... alá fomos!



A primeira destas dúas xiras cafetaleiras, de corenta convidadas cada unha, caracterizouse polas dificultades que presentaba o traxecto. Malia a potencia do típico bus nica e o uso de cadeas, iamos un pasiño cara atrás e dous cara adiante por mor de lama, pedras e regatos.



Mais finalmente chegamos a La Naranja, onde comezamos atender as explicacións dos productores, pai e fillo; e as de Augusto e Franklin, técnicos dos proxectos que financia a USDA en sete municipios norteños.



De seguido advertimos que a elevada nubosidade que envolve esta zona montañosa durante todo o ano permitía manter un baixo índice de sombra de guineo. Tamén tomamos nota de como aproveitaban para sementar millo (e posteriormente frijol e canavalia) en regos paralelos aos do pequeno café recén plantado.

Beneficio húmido do café


Era este un exemplo de cultivo de café intensivo, altamente tecnolóxico e con grande emprego de insumos. A nosa parroquia atendía con interese, co pensamento posto na inminente plantación dos viveiros que levan meses agarimando.



Tanto técnicos como productores amósanse orgullosos da producción dun café, o nicaragüense, que presume de ser o segundo mellor do mundo (despois do colombiano); e non escatiman en consellos: o encalado anual, o control de pragas, a pepena, a poda, a deshijada, a cobertura vexetal...



Tamén advirten de que o uso aleatorio de fertilizantes pode ser unha perda de tempo e de reales se non se coñecen as características da súa terra, polo que recomendaron investir en análises do solo. E o uso non focalizado de herbicidas coma o Glifosato pode intoxicar a nosa planta.



Despois do agardado refrixerio pechamos a primeira escala nun almácigo que contén 10.000 plantiñas de café que nunca se sentiran tan observadas:



A segunda parada deixábanos en Mancotal, máis preto do lago de Apanás, nunha cooperativa que cultiva café orgánico. Lonxe quedara o cheiro a químico. Os nosos productores e productoras amosábanse intrigados ante este tipo de cultivo non convencional, co que non están familiarizados. Así comezaba a se fraguar no colectivo unha análise comparativa de ambos sistemas, nun debate que duraría o resto da xornada. O plantexamento de contraste entre o químico convencional e o orgánico surtira efecto:



Os netos da propietaria dese terreo tiñan unha coidada sombra forestal de diferentes alturas para o café, e o chan estaba inzado de abono orgánico. Recoñecían que a produción era menor que a convencional, mais estaban moi satisfeitos debido a que por outra banda gastaban ben pouco en insumos. Só empregaban cal, cinza, humus... e nadiña de químicos. Nen sequera praguicidas, pois o temido insecto da 'broca' é combatido cunhas trampas de alcol que espertaron a curiosidade dos ribeiráns do Sasle:



Tamén espertou interese o módulo de lombricultura para fabricar lombri-humus, pois é unha das incorporacións que imos obter na Fase III do noso Proxecto:



Así e todo, saímos gratamente sorprendidos polas bondades do sistema ecolóxico que alí se traballa, cunhas plantas que producen durante o triplo de anos (entre 15 e 20) que as convencionais; e mesmo a xente comezou coidar de non manchar nada, non vaia ser que unha inspección retire o selo que lles permite aos nosos anfitrións comercializar exitosamente ese café orgánico de Comercio Xusto.



Finalmente, e despois de detallarnos os custos e ingresos que lles deixa o café orgánico, os membros desta Cooperativa Agrícola de Mancotal amosáronnos a súa casa comunal, onde afondaron nas bondades de traballar xuntos e exportar a bo prezo, coma o caso da obra social que realizan na súa comunidade:



Agora a pelota está no tellado dos habitantes da microcunca do río Sasle: serán quen de conformar algunha cooperativa agrícola (orgánica ou non) os novos cafetaleiros de Sasle e de Los Horcones?

*

Noutra orde de cousas, ao final da xornada fíxose entrega das guías de xénero elaboradas a partir das capacitacións de xénero nas comunidades. E á tardiña foron chegando ás casas, e as follas pasaban, e os debuxos ían collendo cor, mentres se apagaba o día entre soños con recendo a café.

3 comentarios:

Sergio dijo...

Moi boa xira, e gran comparativa entre dous sistemas en pugna. É o xeito ideal, que as persoas coñezan e poidan decidir o modelo que máis lles convence.

Anxo dijo...

Felicidades, encantoume a xira, paréceme moi interesante, sobretodo que teñan a posibilidade de ver as dúas opcións. Dúas preguntas:
Nunha foto aparecen Don Carlos e Don Silvio, gustaríanos saber tamén a súa opinión.
Quen ía a xira o titular da explotación??

Roberto Roget Antelo dijo...

Estamos ultimando unha entrevista a don Carlos e don Silvio, non se impacienten ;)
As persoas beneficiarias que acuden á xira non son sempre os titulares da explotación; tamén hai esposos, esposas, fillas, fillos e mesmo algún primo.