20 feb 2011

Pechando a porta dun proxecto, abrindo a xanela dos recordos

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, e FIDER Nicaragua, compartiron un soño de desenvolvemento rural sostible con oitenta familias da ribeira do río Sasle. Desde o 31 de decembro de 2010, este soño segue vivo sen nós.
Mais debeu ficar aló algo, esquecido, algo noso; unha desas cousas que non collen na maleta. Un anaquiño esfeiro que pesa máis que todos os informes finais que nos absorben estes días e demais papeis que ulen a despedida. Algo tan propio que nos fai tirar de lembranzas e resistir o paso do tempo e das fases.
Por iso se mantén acendida a luz neste blog, aínda que sexa alimentándose de recordos desesperados... e proximamente, alimentándose do froito que dea a semente que pousou o proxecto nas persoas do Programa de Coñecemento da Realidade, en forma de traballo de sensibilización no Norte.

Xa menos poeticamente, hoxe toca falar dun par de actividades que nos quedaran no tinteiro: os obradoiros informáticos nas oficinas de FIDER e os galiñeiros da Fase III nas comunidades.


Xornada de capacitacións en informática

Aló por setembro, na recta final do pasado inverno centroamericano, conseguiuse reunir a todo o persoal de oficina de FIDER en Jinotega e as dúas persoas de ESF Galicia no mesmo sitio e á mesma hora, non sen traballo.


A PCR Maruxa tiña preparada unha presentación sobre presentacións, con perdón da redundancia, do tipo Power Point, para o resto do equipo.


Silvio e Carlos non perdían ocasión para tomar anotacións mentres Yesenia, Reynaldo, Scarleth e Roberto procuraban non perder o fío. Aprendimos unha chea de consellos, e xa puxemos moitos en práctica, tanto nas capacitacións dos técnicos de FIDER como nas presentacións do grupo Agro de ESF.

Despois foi o turno do PCR Roberto e mais do persoal de oficina de FIDER, que comezaron unha formación participativa en creación e mantemento de blogues, de onde saiu o blog FIDER Jinotega. Aínda hoxe estamos en contacto para implementalo con novos proxectos no futuro.


...e noutra relaxada tarde jinotegana, Roberto aprendeu o pouco que sabe de Sistemas de Información Xeográfica (GIS) ao colarse nunhas improvisadas clases de Arc View do amigo Yader:

Yader, no centro, entre os atentos don Carlos e don Silvio


Reparto de material, deseño e execución do galiñeiro piloto

A elaboración de galiñeiros, coas súas posteriores capacitacións en cría de aves, foi a última actividade da Fase III na que chegaron participar as PCRs in situ.
Unha vez que don Reynaldo se tiña encargado da compra do material, chegara o momento de repartilo polas 80 casas beneficiarias, algo que prometía ser unha tarefa prolongada en varios días.

O repartidor transportaba o material dos galiñeiros,


e mais un par de bultos de ESF,


mentres os técnicos de FIDER se desprazaban en moto.


Entre as presas e a calor abafante, non sobraban mans á hora de descargar madeira e aramio.

A beneficiaria dona Medarda co seu chigüín e o beneficiario don Alfonso sorrinte

Todo ía segundo o previsto até que o terreo, asulagado polas chuvias torrenciais de días anteriores, nos xogou unha mala pasada na finca de Mario José...


A tracción do vehículo non daba máis de si, e menos aínda a tracción humana que aportabamos empurrando desde a parte traseira, así que aínda bo foi que un par de bois ben dirixidos aportou a tracción animal que nos sacou da lameira desinteresadamente:


Esa xornada por Sasle rematou en El Mojón, onde ficariamos coa nosa familia adoptiva, despois de repartir as últimas unidades:


Ao día seguinte, tendo en conta que se ían executar un total de 80 galiñeiros, e coa intención de aproveitar o material da forma máis eficiente, don Silvio, don Carlos e Roberto desprazáronse á finca de don Félix Pedro, beneficiario do proxecto ademais de construtor contratado para este cometido:


Unha vez contabilizado o material dispoñible, e calculadas as dimensións do deseño escollido, Félix Pedro esmerouse en erguer o seu galiñeiro, que serviría de modelo para realizar todos os demais:


O día esmorecía, a obra collía forma, e a primeira galiña curiosa viña supervisar o seu futuro dormitorio:




Hoxe, 80 familias de Los Horcones e de Sasle conseguiron aumentar así a diversificación da súa finca á hora de producir e consumir, dun xeito autosuficiente e sostible. Veremos os resultados en futuros informes.

4 comentarios:

Lorena dijo...

Que lembranzas!! grazas Roberto por esta entrada :)

Víctor dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Víctor dijo...

Que chulo é lembrar o traballo ben feito! ;)

Parabens a toda a xente implicada no proxecto!!

Anónimo dijo...

Lo mejor de la entrada sin duda: Desde o 31 de decembro de 2010, este soño segue vivo sen nós.

Y las fotos y las explicaciones, claro!

Enhorabuena y felicidades a todas las implicadas/os!