24 sept 2010

Adeus, Nicaragua

“Con esto damos por finalizadas as tarefas PCR. Agora veñen as Post-PCR”, dixo Xavi. Hai que ver como ás veces frases tan simples poden ir cargadas de tanto sentimento para quen a escoita.. Así é, rematou a nosa experiencia como PCRs en Nicaragua e agora só nos queda refuxiarnos no pan que nos regalou doña Érika molladiño no café de doña Bersabé ou nun vaso de pinolillo quente da mamá de Fran e de doña Ilda ao son dunha bachata que desta vez teremos que bailar soíños... Pero a pesar de tristes, vimos cargados de lindas historias que repartir, alegría nica e moita enerxía para comezar coa segunda parte desta aventura: o post PCR.

En relación ás últimas actividades de Jinotega, as últimas semanas, e xa dentro da Fase III, realizáronse as capacitacións de Uso Racional del Agua nas comunidades de Sasle e Los Horcones,

repartiuse material para a construcción dos galiñeiros, construíronse os galiñeiros e...

as galiñas de Sasle e Los Horcones xa teñen onde durmir!

Os PCRS impartimos un pequeño obradoiro de informática ao persoal de FIDER sobre presentacións de Power Point e como crear un blog e así foi como naceu o de FIDER Jinotega: fiderjinotega.blogspot.com

Pero como imos ir por partes, nestes días xa iremos publicando as respectivas entradas!

O 14 e 15 de Setembro celebrouse a independencia de Nicaragua dos españois e, aproveitando que era festivo, Maruxa voltou ao campo a pasar uns días coa familia de doña Bersabé e disfrutar da vida tranquila do campo e da linda xente que nel habita. Mentras, Roberto facía o tedioso traballo de pasar a acta da Avaliación Interna que tivemos en FIDER hai unhas semanas (moi productiva e na que saíron temas moi importantes)

e disfrutar da vida tranquila... da pulpería de Juansito!

E xa o venres chegou o momento da festa de despedida de Sasle, que coma sempre foi bailando (e tomando...)

Entre a goma (resaca) e tristeza, o día seguinte foi mais ben un maltrato á nosa saúde emocional, demasiadas bágoas cairon polos rostros das familias de Sasle, e polos nosos tamén... E ainda así, tivemos unhas pouquiñas de forzas para facer unha segunda despedida na oficina de FIDER, na que conseguimos xuntarnos todas e todos arredor dunhas botellas de Flor de Caña compartindo os últimos momentos desta outra pequena “familia”.

O domingo don Carlos convidounos a unha rica sopa nica. Non vos sorprendades polo outro "pelón" da foto: Michael, voluntario de Axunica en Granada, decidiu acompañarnos este últimos días para ir quentando motores (el despídese de Nicaragua a próxima semana).

Xa de noite despedímonos cunha cea na pulpería de Juansito e Raquel.

Mais o noso calvario ainda ía durar ata o día seguinte, cando nos tocou despedirnos de Fran á hora de agarrar o bus Jinotega-Managua.

E tras pasar pola oficina central de FIDER para levarnos a documentación da fase II, o sol foise caendo en Nicaragua e con el fumos caendo nós. Entre avións e aeroportos cada vez parecía máis irreal todo o vivido, e agora, hai un PCR en Zas e outra na Coruña cos corazóns latendo por algún carreiriño de Sasle ao Mojón.

http://www.youtube.com/watch?v=yp7-nWslZe0


4 comentarios:

Guillermo Gefaell Valcarce dijo...

Merda, conseguiches que chorara :(

Sergio dijo...

Vémonos prontos,xentiña!!! O PCR segue! Agora seredes "post-estancia", pero aínda que vos sone raro, agora é cando realmente podedes aportar cousas a toda a xente que deixades alí!!

Patricia Iglesias dijo...

agora é cando empeza o traballo duro: concienciar, sensibilizar, educar!!!!
Benvidos e ánimo!!

Unknown dijo...

Qué bonita entrada, chic@s! Bienvenidos!