23 ago. 2010

Estancia nas comunidades: Roberto

-->
Venres pola tarde. Cinco horas de retraso por agarrar o bus errado. Despois de camiñar Sasle arriba ata chegar a El Mojón, pasando pola casa onde ficou a PCR Maruxa, o primeiro que atopou o 'chele barbón' ao chegar á finca 'El Esfuerzo' foi una orden de chigüines loquitos por colorear: Fran e Bersita, fillo e neta de doña Bersabé, xa pintaran todas as guías de capacitacións de FIDER...

Así que tocaba facerlles debuxos do seu gusto, pues. O que non imaxinaba é que algúns rematarían polas paredes da escola de Sasle!

“Buenos días, ¿cómo amaneció?”. O primeiro amencer foi doce coma o café de doña Bersabé... e seco como la baja (billa da cociña) polo que nos diriximos os tres chigüines da casa, polo Mojón abaixo, con baldes e caldeiros por encher de auga. Dende as 4 e media da mañá, Arelys e mamá Bersa, xa tiveran tempo de lavar toda a roupa da familia, limpar a vaixela, varrer, mercar, escoller frijol, moer millo, facer masa para tortillas, dar de comer ás pitas... A partir do luns tamén habería que preparar os cativos para ir á escola; e se a presumida Bersita (coa mochila nova mercada co traballo da súa 'mamá de Managua') non quixer andar de botas, Fran tería un traballo extra entre braña e lameira:

Con relación á Fase II do proxecto, puidemos visitar o protexido almácigo de café, palpar as saudábeis laranxeiras, recompoñer con barro a coidada cociña mellorada baixo a atenta supervisión de Misingo,

e ver como a guiadiña chancha Muñeca nos fitaba dende a súa galera ben limpa, ben mantida e preñada de dous meses:

Arelys marcha ás 6 da mañá e bota doce horas como dependenta nunha venta. Cando vén de volta xa é noite, fóra e dentro da casa, pois o tendido eléctrico pasou de longo coma se lle dera preguiza trepar até o noso rueiro. Cando parece que se vai ir deitar, tira de lámpada de aceite e desafía o sono entre apuntes de contabilidade. Libra o domingo para asistir á universidade en Jinotega. E é que as mulleres de Sasle están feitas doutra pasta:

Sobre as 7 da mañá comeza o traballo tradicionalmente masculino. Comprometinme a acompañar ao outro fillo Ronald a jalar uns postes e cercar con aramio a zona onde -seguindo directrices do Plan de Manexo Sostible de Finca- se había sustituir o zacate que se perdera, por outro prestado polo tío Wilfredo (tamén beneficiario con ESF), nunha dura xornada de machado e pá baixo a única sombra dos molestos zancudos. Mais antes había que compartir o leite de Copa e Colablanca coas súas crías Costeña e Gringo, pois tiñamos moita cuajada que prensar... e uns cafés con leite que almorzar:

Xa nun relaxado domingo de pláticas e mandados, comezaba a ventarse que a estancia se prolongaría máis do previsto, e sempre, sempre, sempre, acompañado por Fran e Pinto:

Nas conversas, intercaladas por incontables visitas que deixan a fotografía dun machete agarrado nunha man e un café regalado na outra, adivíñanse as curiosidades dos veciños e as inquedanzas de doña Bersabé. Wilfredo, Noel, don Juan ou Otoniel (fillo maior que traballa en Sisle) interésanse sobre a vida en Galicia, a situación económica, o clima, a comida, cantos ferrados ten unha manzana, ou por que non plantamos chaya, nin malanga, nin ayote, nin yuca, nin mango, nin aguacate, nin...
Doña Bersa deixa o seu ollar perdido nun futuro mellor, laboriosamente construído, esquivando conflitos, carencias, problemas de saúde ou alcolismo para os seus. Malia que se mostra satisfeita por sumarse ao proxecto de ESF e FIDER, cun elevado nivel de aproveitamento e apropiación dos recursos que adornan o mapa da súa finca, a mellora soñada estaría alí, baixo os feixes de sol que se coan entre o cinc e as táboas, na súa casa. Aínda así, a vivenda amósase xeitosa, entre outras de El Mojón dun só cuarto sen auga corrente que obrigan a facer todas as tarefas relacionadas coa hixiene nas augas que baixan pola cuneta do camiño.
O luns recupera, para o resto da semana, o frenesí musical que protagoniza o palmeo das tortillas sobre a madeira: “tap-tap-tap, tap-tap-tap, tap-tap-tap” acompañado polo metálico bater da choiva sobre o tellado. O millo toma unha e mil formas alimentarias, que agardan impacientes por cociñarse ao outro lado do charco: chilote, elote, tamal, nacatamal, atol, tortilla, güirila... (por non falar da augardente cuzuza, híjuele!) e unha sorte de polvoróns, rosquillas, panelas e semas de fariña de millo que fan do forno de doña Bersabé un pequeno templo de cinza para os habitantes do callejón:

Tras sucumbir a semellantes encantos gastronómicos, a cociña comeulle o terreo ao campo, e mesmo se convertería en improvisada pista de baile...
...e falando de baile, sonadas foron as visitas de Maruxa que, coa escusa de aprender a enfornar, ou de amosar a súa boa man cos máis pequerrechos, lucía os seus avances no mundo da bachata, da cumbia, das rancheras... e correspondía cunhas doses de muiñeira:

As tardes fanse curtas de sol, e pasando do golpe de calor á treboada, sacamos tempo para cruzar o río del Mojón e ir vender pan, para compoñer con lama o chan de terra do salón, para arrincarlle dentes de leite a Fran, para facer a torta do sétimo aniversario de Kevin, para facer as fotografías do quince aniversario de Elisabeth, para bailar con matas de guineo, para xogar beisbol e landa frutas, para ir pescar a un tanque,
ou para mudar un anaco de cuberta de plástico pola habitual chapa de cinc, coa inestimable axuda dos veciños, ou o que é o mesmo, aprendendo algo de traballo comunal:

E así pasou unha pequena vida de 10 días por Sasle. Mais xa me coincidiu pasar outros 3 días máis, e os que me quedan. Entre a ollada de Néstor Francisco e as palabras de doña Bersabé: antes se reían de vos, pero ahora los varones me ayudan más en la casa... Non sei se me collerán na equipaxe de volta tantos bos recordos (tamén con sinsabores coma o envelenamento e enterro do can da casa ou cando a cadeliña comeu o niño de parrulos de debaixo da miña cama), sinto que teño unha segunda familia nica. Non querendo abusar do voso tempo, e gardando algunhas cousas para min, despídome para lle levar de comer ás vacas, así que dele pues, que vaya bien.

6 comentarios:

Sergio dijo...

Dele pues!! Aquí se puede escuchar una canción preciosa que me recordó tu entrada cuando hablabas del maíz...

Paola dijo...

Que bonito!! que agradable empezar el día con esta historia. Gracias Roberto, nos alegramos de que estéis sacando todo el provecho posible de esta estancia...

Anónimo dijo...

Que emocionante!Disfrútao. Encantoume esta entrada do blog.

Roberto dijo...

Que ben! E que grande a canción, Sergio... e edito para engadir a cuzuza :S

Patricia Iglesias dijo...

emocionante a entrada! dende logo esto de escribir non se che da nada mal, pero nada nada mal... GRACIÑAS!!!

Sabela dijo...

Encantoume!! Que bonito :) Ala, a escribir máis, que mellor é difícil...