30 nov 2010

Capacitación sobre uso racional de auga


'Uso racional del agua'; esta foi a última capacitación na que Maruxa e Roberto puideron acompañar os técnicos de FIDER Jinotega. Nesta ocasión vimos todo o procedemento que seguen don Carlos e don Silvio antes de facer a súa lección maxistral: recopilar información sobre o tema, redactar as guías para entregar ás familias beneficiarias, preparar os papelóns que serán empregados como apoio gráfico durante o obradoiro...


Unha vez todo estivo planificado e ensaiado, collemos moto rumbo a Sasle e Los Horcones. A min tocoume facer de axudante de don Silvio na escola de Sasle, e alí estreamos un novo formulario que fará posible un mellor seguimento dos indicadores de xénero.

Coa habitual boa asistencia de beneficiarias e beneficiarios, e nun agradábel ambiente familiar, comezamos a capacitación. Definición, recursos, usos e ciclo da auga, e detalles como que só resta un 6% de cobertura forestal na cunca de Apanás, serviron como introdución para entrar en materia. Falouse sobre a presión exercida sobre a cantidade e calidade dos recursos hídricos de Nicaragua, e sobre a cota de consumo de auga por persoa e día. Comentáronse exemplos como o de Chigüite, que consume menos auga ca Sasle malia que ten máis poboación, debido a que empregan medidores. Tamén xurdiron consellos coma o de situar as letrinas a máis de 20 metros das fontes de auga.


Xa no ámbito da saúde, tratáronse o transporte e almacenamento de auga, as enfermidades transmitidas pola mala calidade da auga e os métodos de potabilización (fundamentalmente cloración e desinfección solar).


En termos máis estritamente agrónomos, e partindo de que a agricultura é a actividade humana que consume máis auga (incluso desperdiciando en regadío un 92%), enumeráronse métodos de conservación de auga (cobertura agroforestal, leguminosas, barreiras, mulch), tipos (goteo con bambú) e claves para mellorar o rego.

Na parte final da xornada, intercambiamos impresións sobre canto consumimos de auga e por que. Don Silvio buscou facer sensibilización sobre este tema con exemplos e imaxes. Finalmente recordou a importancia de optar pola instalación dos medidores (na actualidade, as familias de Sasle pagan 15 pesos ao mes, independentemente do que consuman) e aquí comezou un animado debate entre detractores e suscriptores da idea.